A ferramenta INFOCOOP – Asesoramento Virtual Cooperativo, desenvolvida co apoio da Consellería de Traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia, trata de dar resposta dun xeito ameno e interactivo as principais cuestións que se plantexan na posta en marcha e no día a día da xestión das cooperativas. Tanto socios e socias cooperativistas, como grupos promotores e asesores técnicos obterán con esta ferramenta o apoio e orientación que sempre se precisa para levar adiante con éxito un proxecto empresarial cooperativo.
A través dun amplo abano de cuestións e supostos prácticos - recopiladas por XEDEGA, S.Coop. Galega, durante os máis de 15 anos de experiencia no asesoramento a cooperativas e cun formato interactivo, sinxelo e ameno deseñado por PEXEGO-, faise un repaso polo miúdo e se resolven as principais dúbidas que teñen que ver coa posta en marcha, funcionamento, organización, administración e xestión, comercialización, tratamento fiscal, aspectos laborais, etc. da cooperativa.
Un auténtico asesoramento virtual, dotado dun potente motor de busca, que vai permitir introducir directamente a nosa pregunta ou buscar a través dun completo índice, así como acceder a outras preguntas relacionadas coa nosa cuestión. Nunha linguaxe comprensible e de fácil lectura para persoas non familiarizadas coa linguaxe técnica, pero con todo o rigor dun asesoramento profesional.
E para aquelas cuestións de especial complexidade ou que no se atopen recollidas específicamente na ferramenta poderán poñerse en contacto coas persoas responsables de XEDEGA a través do teléfono ou correo electrónico para darlles cumprida información á mesma ou para facilitarlles un asesoramento personalizado. Esperamos que lles resulte útil.